 |
|
| medalla de oro de Galicia |
|
|
 |
Discurso del Presidente de la Xunta de Galicia, Manuel Fraga |
 |
 |
 |
A Medalla de Ouro de Galicia do 2002 foi acordada, e hoxe imposta, á persoa xurídica denominada Real Club Deportivo de La Coruña Sociedade Anónima Deportiva, é dicir, ó Dépor simplemente, de acordo coa elipse xeneralizada por todo o país, e tamén alén do chan patrio.
...Cando José María Abalo introduciu a práctica do fútbol na Coruña, sen ser consciente quizais da trascendencia educativa, cultural, económica e social que ía ter aquel deporte. O fútbol, que en pouco tempo se transformou en espectáculo de masas, e substituiu no culto popular dos coruñeses as corridas de touros, por paradoxo do azar, comezou a practicarse na única explanada hábil para iso que era a Praza de Touros da cidade herculina. Unha humilde sociedade deportiva privada, o Ximnasio Sala Calvet, fundou o Club Deportivo Sala Calvet que pola súa vez xerou outros diversos clubes cos que competir...
A práctica do fútbol, coa que entretiñan os seus leceres os mozos daquel grupo de ximnastas, estendeuse así rapidamente por toda a cidade, de xeito que o pioneiro Club Deportivo Sala Calvet era coñecido xa en 1906 como o Club Deportivo de La Coruña.... a denominación da asociación completouse o 4 de febreiro de 1909 data na que o Xefe da Casa Real da sú maxestade Don Alfonso XIII comunicou á xunta directiva do Club o beneplácito rexio para denominarse en diante co rótulo que conserva aínda: Real Club Deportivo de La Coruña.
O mérito de ter conservado viva unha asociación deportiva durante un século correspóndelles ós coruñeses en xeral. Pero máis significadamente ós socios e accionistas, ós xogadores e ós presidentes do club. Xusto é, por iso, lembralos hoxe a todos con cordial simpatía. En primeiro lugar vaia entón o noso aplauso cara ós socios e accionistas, especialmente ós directivos. Sempre foron moitos e moi parciais do seu equipo. Hoxe sono máis en número e paixón do que nunca o teñan sido, porque o Dépor é un club dos coruñeses, un club propiedade da cidadanía. O noventa por cento longo dos seus vinte mil e pico de accionistas posúen cinco accións ou menos, sendo a cifra maioritaria a de dous títulos por persoa. Pola banda oposta, os posuidores de máis de 140 accións non chegan ó tres por dez mil... esa democracia económica exemplar é sen dúbida unha das claves que explican os triunfos e a solidez do club na actualidade. ¡Parabéns para os socios do Depor!
... e Parabéns para os millóns de deportivistas de toda Galicia. Loor teñan os atletas coñecidos por Acuña, Amancio, Arsenio, Bazán, Buyo, Campanal, Chacho, Elícegui, Fariña, Fran, Hilario, Isidro, Manolete, Pahíño, Pedrito, Pellicer, Reixa, Rodrigo, Zubieta.... e tantos mais.
A Medalla de Ouro que recibe hoxe o Club honra a todos eses nomes, que atraen os máis novos cara as súas raíces, e que nos retornan ós máis maduros ós alegres anos de mocidade... Moitos daqueles futbolistas foron e son auténticos mitos. Algúns xa finaron, como é lei de vida. Pero moitos deles viven e algúns mesmo están hoxe aquí connosco. Para todos, e tamén para os que forman o actual equipo, campión da Copa do Rei de 2002, unha felicitación moi sentida por esta Medalla de Ouro.
E o mesmo dicimos de todos os presidentes do Club, desde o primeiro, don Luis Cornide Quiroga, ato o actual, don Augusto César Lendoiro. Pola amizade que lle gardo a este último, e por ser pública e notoria a relación de militancia política que nos une, debo ser neste marco institucional extremadamente parco no eloxio. Pero ninguén que coñeza un chisco a historia do Dépor poderá pensar que esaxero se digo que está a ser o mellor presidente dun club que tivo moitos de gran categoría.
Aqueles presidentes souberon converter pouco a pouco o que era só unha manchea de mozos ilusionados nun club ben organizado que foi subindo, e aínda se podería dicir que rubindo, da competición local á provincial, desta á rexional, e desta á nacional. Neste nivel superior, o Dépor oscilou entre a segunda e a primeira división, pero manténdose máis tempadas na segunda que na primeira. Ás veces correu risco a súa supervivencia como club.
Na década dos oitenta, nun deses momentos baixos, fíxose cargo do club o actual presidente, e converteu o Dépor, dun club modesto de segunda, nun club de Primeira División ben situado na elite das competicións europeas. E non menos meritorio é o ter transformado a pequena asociación deportiva descapitalizada que herdou, nunha complexa sociedade anónima deportiva económicamente sólida, e profesionalmente acreditada. Todos eses factores son os que explican que un club de orzamento modesto, en comparación con outros grandes de todos coñecidos, poida ter obtido nos últimos anos un título e tres subtítulos de Liga, dúas Copas do Rei e dúas Supercopas de España.
¡Parabéns a todos os deportivistas e ó seu presidente!
A Medalla que se lle outorga co gallo do centenario atende a premiar os méritos contraídos polo club no pasado. Pero mira sobre todo ó futuro. O Pobo de Galicia desexa que esta Medalla de Ouro anima ós xogadores, socios, accionistas e directivos do Dépor e aumente o fervor de todos eles nas ocasións de gloria, que todos lle auguramos.
|